Nesta terra que fai testamento, Que acolle os lamentos e anima a olvidar, Infectada de sangue usureiro, Caciques modernos, mecenas do mal. Vivo dentro dun monte de area Tinguido de brea que non limpa o mar, Coa esperanza de tomar alento Para ver o momento de nos libertar. Mais aínda seguimos aquí A aturar tempestades de sal, Resistindo a violencia de mans Desas serpes e cans que nos queren calar. Compañeiras nos soños do Edén, Unha illa no medio do mar, Que iluminan o loito máis negro, Que esquece o desterro e o medo a loitar. Cando as marcas se gravan a ferro E a dor e a xenreira non deixan sorrir, As penurias van alén da fame Falta a identidade que axuda a vivir. Só se calma o ruído da raiba Coa forza que queima na gorxa ao berrar: Queremos curar a fendedura, Olvidar a tristura e voltar comezar.