Lingoa proletaria do meu pobo, Eu fáloa porque sí, porque me gosta, Porque me peta e quero e dame a gaña; Porque me sai de dentro, alá do fondo Dunha tristura aceda que me abrangue Ao ver tantos patufos desleigados, Pequenos mequetrefes sin raíces Que ao pór a garabata xa nan saben Afirmarse no amor dos devanceiros, Falar a fala nai, A fala dos abós que temos mortos, E ser, co rostro erguido, Mariñeiros, labregos do lingoaxe, Remo i arado, proa e rella sempre. Eu fáloa porque sí, porque me gosta E quero estar cos meus, coa xente miña, Perto dos homes bos que sofren longo Unha historia contada noutra lingoa. Non falo pra os soberbios, Non falo pra os ruis e poderosos, Non falo pra os finchados, Non falo pra os valeiros, Non falo pra os estúpidos, Que falo pra os que agoantan rexamente Mentiras e inxusticias de cotío; Pra os que súan e choran Un pranto cotidián de volvoretas, De lume e vento sobre os ollos núos. Eu non podo arredar as miñas verbas De tódolos que sofren neste mundo. E ti vives no mundo, terra miña, Berce da miña estirpe, Galicia, dóce mágoa das Españas, Deitada rente ao mar, ise camiño...