Eu son o rei de min mesmo; Goberno o corazón Na libertá do vento e dos camiños. Eu obedezo ás miñas propias leises I os meus decretos sigo ao pé da letra. Un cetro de solpores, Unha croa de nubes viaxeiras, Un manto avermellado De soños i esperanzas No limpo alborexar de cada día, Dame o poder lexítimo do pobo. Represento aos calados, Interpreto aos que foron Voces da terra nai Nos antergos concellos da saudade. Eu son un rei. Un labrego do tempo dos sputniks.