Señora da saia leda E do refaixo garzón, U-las gaitas cantoras De bailar arroutador. Señora percorredora Dos camiños da nación, U-las harpas bringuelas Coma paxaros de amor. Señora desvergoñada Digna de todo louvor, U-los reis e cabaleiros Que andaban ao teu redor. María Balteira, Señora do sol, U-los van os tempos De arelas de amor. María Balteira, Señora do sol. Os camiños dos xograres Xa son camiños de dor, E non resoan nas feiras A túa leda canción. Xa non se escoitan na terra As coplas do teu louvor, E os amenceres son tristes, E harpas non hai no solpor. A pedra fría te cobre No último sono traidor, E tal vez sobre ti medra Malva de tristeira cor. U-los van os tempos U-los días son Dos pinchacarneiros Nos prados en flor. Maria Balteira, Señora do sol. Os teus amigos son cinza E o teu sorrir é remol, Os teus camiños cegaron E os teus amores son po. Máis a túa lingua de carne Pervive na nosa voz, E algún día escoitaremos O cantar do reiseñor. Paxaro que canta á noite Antes que saia o albor Cantigas de tempo novo Pra unha Compostela en flor. María Balteira, Señora do amor, Han chegar os tempos Do abrente do sol. Maria Balteira, Señora do amor.